Editorial Galaxia incorpora tres novas obras á súa colección Lectura Fácil, unha aposta pola lectura accesible e comprensible para todos os públicos. Todas as obras están adaptadas por Jesús Meiriño, con ilustracións de Agustina Shuan. A través dunha linguaxe que busca eliminar barreiras e favorecer a comprensión, presentamos obras como:
As malas mulleres, Premio Eduardo Blanco Amor e Premio Nacional de Narrativa, de Marilar Aleixandre
Ambientada na Coruña de 1863, esta novela conta a vida de Sisca, unha rapaza de 15 anos recluída na Galera, o cárcere de mulleres. A obra incorpora figuras históricas como Concepción Arenal, visitadora dos cárceres, e Juana de Vega, que a acompañaba no seu labor de mellora das condicións de vida das persoas máis vulnerables.
A novela permite comprender a historia do século XIX galego a través das vidas de mulleres pobres, excluídas e maltratadas, cun ton poético característico de Marilar Aleixandre.
Meigas, de Esteban Folgar Brea.
Unha novela que desmonta todos os tópicos sobre as meigas. Aquí non rouban nenos nin fan dano: viven entre nós, usan grupos de WhatsApp, axudan, enfádanse, bailan e saen de festa.
A protagonista é Xiana, unha rapaza de 16 anos e neta dunha meiga, que desexa seguir os pasos da súa avoa. Para iso deberá superar un exame no que só hai dúas prazas… e moitas aspirantes.
O misterio do Torque de Burela, de Antía Yáñez Rodríguez.
Os irmáns Antón, Carola, Sabela e Iria, xunto co seu can Venres, enfróntanse ao roubo do famoso Torque de Burela no Museo Provincial de Lugo. A súa investigación levaraos a afrontar diversos problemas polo camiño. Poderán resolvelos?
Con estas tres novidades, Galaxia continúa a fortalecer unha colección orientada á inclusión, facilitando que máis lectoras e lectores accedan a historias que forman parte do noso patrimonio literario e cultural.