O mércores 10 de decembro, celebrarase, ás 19:30 h, no Museo do Moble e a Madeira (MOME), na Estrada, a presentación de Asociacionismo galego en América. A sociedade Hijos del Ayuntamiento de La Estrada en Cuba, de Carlos Loureiro Rodríguez.
Carlos Loureiro Rodríguez achéganos, tras un inxente traballo de documentación (completado con material accesible a través da web de Editorial Galaxia), a historia da sociedade Hijos del Ayuntamiento de La Estrada en Cuba, fundada na Habana en 1915, que hoxe segue puxante e cun pé en cada beira do Atlántico.
A importancia da emigración estradense no asociacionismo da illa caribeña queda reflectida non só nesta sociedade, senón tamén na creación do Centro Galego e noutras entidades, como Hijas de Galicia, que deron amparo e cobertura aos que tiveron que emigrar, tanto en Cuba como na terra de partida.
A partir de xaneiro estará en todas as librarías.
CARLOS LOUREIRO RODRÍGUEZ (Callobre, A Estrada, 1957) é licenciado en Filoloxía Románica. Foi profesor de Lingua Galega e editor das obras narrativas de Manuel García Barros “Aventuras de Alberte Quiñoi”, “Contiños da Terra”, “Enredos”, e “Dos meus recordos”; os traballos xornalísticos “A pluma insubmisa. Ensaios inéditos” e “Estampas desde o val. Artigos xornalísticos. 1901-1963”, e da súa obra poética en “Sonoridade das auras. Poesía reunida”. En 2021 publicou a biografía, “Manuel García Barros. Vida, obra e pensamento”, todos eles publicados en Editorial Galaxia.
Tamén editou obras de Varela Buxán e Antón Losada Diéguez, publicou o “Dicionario de escritores de Tabeirós-Terra de Montes” e coordinou obras de poesía e narrativa, ademais de formar parte do xurado de prestixiosos premios literarios.
É socio de honor da sociedade Hijos del Ayuntamiento de La Estrada en Cuba e do Centro Unión Orensana da Habana.