Editorial Galaxia conmemora o seu 75 aniversario reivindicando o papel da edición galega coa exposición “CREAR PORVIR. 75 ANIVERSARIO EDITORIAL GALAXIA (1950-2025)”

Categoría: Nova

A inauguración desta mostra, que se exhibe na Sala de Exposicións da Sede Afundación en Vigo, culmina os actos do 75 Aniversario de Editorial Galaxia.

Comisariada por Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega, Malores Villanueva e Xosé Manuel Dasilva, persoas expertas na materia, destaca o labor dos autores e autoras desde 1950 ata a actualidade, reflectindo o papel clave da editorial na evolución cultural da Galicia contemporánea e a súa proxección exterior.


Con motivo da celebración do 75 aniversario da Editorial Galaxia, durante este 2025 púxose en marcha un ambicioso programa de actividades ao longo da xeografía galega. A inauguración en Vigo da exposición “CREAR PORVIR. 75 ANIVERSARIO EDITORIAL GALAXIA (1950-2025)”, pon o ramo a un ano de múltiples iniciativas: desde a celebración dos foros da revista Grial baixo o título “Galicia 2050. Pensar cara adiante”, até a campaña escolar “A Biblioteca Galáctica contra a IA fantástica” a cargo da compañía Tanxarina, que levou a función a máis de 23 localidades galegas e na que participaron máis de 3.500 escolares; pasando pola realización dun documental dirixido por Ana Viqueira e Diego Frey, estreado en Santiago de Compostela; a organización da mostra “Galaxia-Auria. 75 anos despois 1950-2025”, salientando o papel de Ourense e a súa provincia no devir da editorial; o lanzamento da Biblioteca 75, coa saída de 10 títulos senlleiros da nosa historia; a publicación para os centros de ensino de primaria do Concello de Vigo do título “Unha galaxia viguesa”, de Marcos Calveiro; a convocatoria do I Premio Xosé Neira Vilas de literatura xuvenil, outorgado a Gabriel Romero de Ávila pola súa obra Odio ou a convocatoria extraordinaria do Premio Galaxia de Novela 75 anos, o de maior dotación económica neste momento, que gañou Fernando Castro Paredes coa obra O lanzador de coitelos, entre outras actividades.

 

A exposición “CREAR PORVIR. 75 ANIVERSARIO EDITORIAL GALAXIA (1950-2025)”, que se inaugura o xoves 4 de decembro, ás 19:15 horas, na Sede de Afundación, chega a Vigo tras exhibirse nas seis cidades galegas. Esta mostra, froito do esforzo dun equipo multidisciplinar tanto da propia editorial – Xesús Domínguez Dono na coordinación xeral, Hayat Husein deseñadora da editorial e Alba Gil na documentación- como externo – o equipo curatorial, de deseño, audiovisual e produción- percorre a historia da editorial, desde a súa fundación en 1950 ata a actualidade, salientando o seu papel clave na evolución cultural da Galicia contemporánea e a súa proxección exterior.

Comisariada por un equipo de referencia no ámbito dos estudos académicos en Galicia e a nivel internacional, está dirixido polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, director da Cátedra Institucional Castelao, da revista Grial, presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, acompañado pola profesora de literatura galega, Malores Villanueva Gesteira e polo catedrático da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Xosé Manuel Dasilva Fernández.

Neste proxecto destácase o labor de autoras e autores, como Castelao, Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Paco Martín, Xohana Torres, Carlos Casares, Fina Casalderrey, Manuel Rivas, Yolanda Castaño, Paula Carballeira, Domingo Villar, Xesús Fraga, Xosé Manuel Núñez Seixas, Marilar Aleixandre…; editores, como Carlos Casares e Víctor F. Freixanes…; e fundadores da editorial, como Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Xaime Isla Couto e Francisco Fernández del Riego; ademais de títulos que axudaron a conformar o panorama literario de Galicia, configurando unha visión global da edición galega durante o franquismo e a democracia.

A mostra articúlase en catro bloques temáticos que convidan a percorrer a literatura e os seus autores e autoras, desde o Rexurdimento ata a xeración do novo milenio; o ensaio e o pensamento galegos, con estudos sobre a lingua, a historia, a sociedade e a ecoloxía, así como proxectos de referencia como a revista Grial; a tradución e a proxección internacional, co galego como lingua de recepción e creación universal; e a literatura infantil e xuvenil, onde Galaxia foi pioneira con coleccións e espazos dirixidos ao público máis novo. A exposición conta tamén cun espazo para público infantil que convida a ler e gozar da edición para as idades máis novas.

O deseño expositivo correu ao cargo do estudio Desoños, que propón unha sorte de bosque de estruturas móbiles onde se sinalan dun xeito visual e dinámico os nomes, publicacións e feitos singulares desta traxectoria. As estruturas van precedidas dun túnel do tempo, cos fitos máis salientables destes 75 anos. O deseño expositivo cumpre, ademais, o reto de adaptarse ás sedes onde se instalou nos sete distintos espazos expositivos.

Outro aspecto a salientar é que se pode gozar, formando parte da exposición, dunha peza audiovisual, dirixida por Ana Viqueira e Diego Frey, que recolle testemuños de personalidades vinculadas a Editorial Galaxia sobre a súa produción literaria e historia: desde a participación do poligráfo Xesús Alonso Montero, até a escritora Antía Yáñez, a catedrática Dolores Vilavedra, a académica María López Sández, o historiador Ramón Villares, o político Xosé Manuel Beiras ou a experta en edición poética Tamara Andrés.

A exposición “CREAR PORVIR. 75 ANIVERSARIO EDITORIAL GALAXIA (1950-2025)”, conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e realizouse en colaboración con Afundación nas súas sedes expositivas de Santiago, Ourense, Ferrol, Pontevedra e Vigo; tamén contou co apoio da Deputación de Lugo e da Caixa Rural Galega nesta cidade e na Coruña e, a Fundación Luis Seoane, da cidade herculina. Tras iniciar o seu percorrido no mes de marzo en Santiago de Compostela, a exposición continuou en abril e maio no Pazo Provincial de Lugo; e en maio e xuño na sede de Afundación de Ourense. En xullo, a mostra exhibiuse en Ferrol, tamén na sede de Afundación, e, tras o verán, instalouse en setembro e outubro no Café Moderno de Pontevedra. Entre outubro e novembro, A Coruña acolleu a exposición na Fundación Luís Seoane, rematando o seu itinerario en Vigo, onde poderá visitarse até o 10 xaneiro de 2026 na sede Afundación.

Ao longo destes 75 anos, Galaxia publicou preto de 3.500 títulos, con obras de máis de 1.500 autoras e autores, consolidándose como proxecto esencial para a edición en lingua galega, nunha aposta firme pola dignidade e a normalización da nosa lingua e cultura. A singularidade deste empresa radica no seu compromiso político e cultural e no feito de que inviste os seus beneficios na propia editorial. Ao longo da súa traxectoria, recibiu galardóns tan relevantes como a Medalla de Ouro de Galicia e o Premio da Cultura Galega, en recoñecemento á súa contribución á nosa identidade e á modernización cultural, ademais de contar na súa nómina de autores e autoras con numerosos premios nacionais, que poñen en valor a nosa creación literaria.

Datos de interese:

Apertura: de luns a sábados (domingos e festivos pechado), até o 10 de xaneiro de 2026.

Horario: 17:30 – 20:30 h.

Sede Afundación Vigo. Policarpo Sanz, 26.

Entrada de balde.

Comparte nas túas redes sociais ou por email