Presentación de “Perder o norte”, Premio Illa Nova de Narrativa 2025, de María Quiroga

Categoría: Blog

Hoxe, venres 5 de decembro, celebrarase, ás 11 h, na sala de Ámbito Cultural de El Corte Inglés de Santiago, unha rolda de prensa arredor de Perder o norte, Premio Illa Nova, de María Quiroga.

Acompañando a autora, estarán Fuencisla Cid, directora de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés; e Malores Villanueva, coordinadora do Premio e editora.

Pola tarde, ás 19 h, na libraría de El Corte Inglés de Vigo, celebrarase a presentación oficial do libro, en compaña da editora Villanueva.

A perda dunha persoa querida, os recordos que se repiten na memoria, as palabras que nunca se chegan a dicir e a culpa que aparece sen remedio. Unha viaxe en bicicleta convértese aquí nunha busca de sentido: tempo para pensar, para reencontrarse e para conversar con outras persoas que tamén fan o Camiño coas súas propias cargas emocionais.

Perder o norte, Premio Illa Nova de Narrativa 2025, de María Quiroga, é unha viaxe poderosa por territorios físicos e interiores, unha novela que combina sensibilidade e introspección.

A imaxe da cuberta é unha interpretación dunha pintura de Maruja Mallo, da ilustradora Ana Galvañ.

María Quiroga (Lugo, 1992) escribe desde nena. Estudou Neurociencias en Edimburgo e Medicina en Madrid. En 2020 residiu na Fundación Gala para Creadores Novos. Vive en Suíza onde pedalea, corre, nada e investiga os efectos do cambio climático na saúde mental. Perder o norte é a primeira novela que publica e coa que gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2025.

Comparte nas túas redes sociais ou por email