Hoxe, ás 20 horas, na Casa do Libro de Vigo, presentarase o novo libro de Antonio García Teijeiro, 'A poesía necesaria. Lectura e creación poética dentro da aula'. O autor estará acompañado por Miguel Vázquez Freire, David Otero e o coordinador de novos proxectos de Galaxia, Francisco Castro.
Durante o acto, Nardo Carpente interpretará un tema musical e a actriz e escritora Alicia Borrás lerá un texto poético.
No libro que hoxe se presenta, na primeira parte, o autor vigués, ofrece unha apaixonada defensa da lectura e da poesía como elementos esenciais na educación dos cativos e cativas. Partindo sempre da súa longa experiencia como mestre, pero tamén como escritor de poesía para nenos e nenas, Antonio García Teijeiro ofrécenos as claves necesarias para entendermos por que a lectura ten que ser fomentada e como 'contaxiar' o vicio e o amor polos libros aos pequechos da casa. Na segunda parte concentra e sistematiza toda a súa experiencia ao longo dos anos aprendéndolles aos nenos técnicas para a escrita poética. Desta maneira, pais, nais e profesores, ou calquera que guste da poesía e quera achegarse a ela dende propostas lúdicas e creativas, atopará neste volume todo un mollo de actividades e propostas para facer que agrome, de quen teña ganas e motivación para elo, toda a poesía que todos levamos dentro.
O libro insírese dentro da 'Biblioteca de Intervención Social / Didáctica' e está chamado a convertirse nun dos grandes libros do ano no que a reflexión sobre a escola se refire. Pero tamén sobre a poesía, a beleza e o que queremos aprenderlles e que aprendan.