Lara, Sabela e Xurxo descobren que foi Cinza, o boticario, quen secuestrou o seu amigo Lois. Pero non sospeitan que, se non actúan axiña, Lois formará parte do menú que precisa a moura Xerpa para recuperar o seu poder, minguado durante un letargo secular. E non só Lois: todas as nenas e nenos de Claramonte corren perigo mortal.
A súa única esperanza é regresar ao carballo de Mondelo e conseguir a axuda dos misteriosos habitantes da vila máxica que alí se agocha…
Sentinelas no limiar das tebras, con guión de Ozo Perozo e Andrés Castro e ilustracións de Alexandre Senande, é a segunda parte da triloxía iniciada con Sentinelas da Lúa Carmesí, a obra que inaugurou a colección Banda Deseñada de Editorial Galaxia, destinada a público infantil e xuvenil.
Unha historia de fantasía, misterio e mitoloxía galega, onde dous mundos, o real e o fantástico, se entrelazan para ofrecer unha aventura épica.
Unha lectura imprescindible para quen goza dos mundos de fantasía e da nosa tradición oral.