Tal día coma hoxe, un 16 de abril de 1951, publicábase Antífona da cantiga, o primeiro libro de Editorial Galaxia.
En 1951, Ramón Cabanillas inauguraba o catálogo de Editorial Galaxia cunha obra fundamental: Antífona da cantiga, unha escolma de cantigas populares galegas que se editaría posteriormente co título Cancioneiro popular galego (1973). Trátase dunha selección de case novecentas cantigas feita “atendendo á beleza do pensamento que a copla desenvolve, á novidade das verbas e á enxebreza dos xiros e modismos”.
Esta obra nace “con querenza de bo amor e xeito garimoso de horteiro”, como un coidado ramo de “herbiñas e rosas recendentes dos cantares”, segundo a fermosa descrición do propio autor.
En 2020, reedítase e publícase na colección Biblioteca Nós de Galaxia.
Ramón Cabanillas (Fefiñáns, Cambados, 1876–1959) é unha figura central da nosa literatura. Poeta comprometido co país, membro da Real Academia Galega desde 1920 e da Real Academia Española desde 1929, foi tamén unha das grandes voces das Irmandades da Fala. En Antífona da cantiga, comeza unha nova etapa creativa centrada na recuperación da lírica popular galega, que continuará con Da miña zanfona (1954) e Samos (1958).
Neste 75 aniversario, lembramos o nacemento dunha editorial e dun proxecto cultural que segue a crear porvir.