Rematou o CULTURGAL

Categoría: Nova

A segunda edición do Culturgal remata deixándonos unha máis que agradable sensación, tanto polo aumento da participación do público como pola calidade das iniciativas amosadas e dos productos presentados. A Editorial Galaxia tivo un especial protagonismo ao longo de todos estes días de Feira, cunha programación na que abondaron as presentacións de libros e os espectáculos pensados para os máis pequenos.

Autores e autoras como Inma López Silva), Manuel Janeiro (A fada das lapas) ou Encarna Otero (A serea do mundo e O branco país sen neve) protagonizaron o apartado das presentacións, ofrecendo aos lectores e lectoras todas as claves das súas novas propostas literarias. Outros, como o recentemente galardoado Xesús Constela (premio García Barros por Shakespeare destilado) aproveitaron a cita cultural para atoparse cos lectores e asinar as súas obras.

Conscientes da importancia dos máis pequenos da casa, e do esencial que resulta ofrecerlles produtos de calidade, a Editorial Galaxia ofreceu unha programación centrada, por unha banda, na colección Árbore Os Duros, que contou coa presenza do seu director, Xosé A. Neira Cruz, abeirado por autores e ilustradores da colección, para, o sábado, encher de risos e letras o Auditorio do Palexco co traballo da compañía Matapiollos, quen puxo en escea a obra Flis-fli-ris-flás que está a itinerar, e con grande éxito, por toda Galicia dentro dunha campaña de fomento da lingua e da lectura en galego froito da colaboración entre a nosa editorial e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O espazo da Editorial Galaxia pechou onte as súas portas co recendo fermoso que deixaron catro días de traballo intenso, pero moi satisfactorio. O Culturgal aparécese, pois, coma o pórtico perfecto para esta fin de ano que vén chea de palabras e de boa literatura.

Ao carón destas letras podes ver algunhas das imaxes importantes destes días no Culturgal.

Comparte nas túas redes sociais ou por email