"A choiva do mundo" no Ateneo de Ourense

Categoría: Nova

A choiva do mundo é unha novela coral, nacida do entrecruzamento dos xéneros máis diversos, un mosaico feito con anacos da vida no que o amor e o desamor, a loucura, a soidade e a terra se encarnan en máis dun cento de personaxes de lugares e tempos dispares. Metáfora da construción perpetua do mundo a partir das historias das persoas e resultado do pulo creativo dun escritor que penetra na realidade a través das súas múltiples linguaxes.

Xosé M. Pacho Blanco, avogado e profesor de universidade, impúxose diante das 300 obras que concurrían a un dos certames de máis prestixio de Galicia e que xa gañaron outros nomes sobranceiros coma Víctor F. Freixanes ou Manuel Rivas. O xurado destacou "a aposta de vangarda" do planteamento das historias que conforman A choiva do mundo. Segundo explicou o seu creador, o libro conta "a historia dun editor que recolle ao longo da súa vida distintos relatos. É unha metáfora de que o mundo se constrúe coas historias de todos nós. A sociedade actual confórmana o conxunto de historias de cada persoa, unha choiva de historias…".

Na obra, o autor introduce artigos xornalísticos, textos de teatro, un guión dunha curtametraxe de cinema, relatos curtos, relatos longos, prosa poética… No intre da concesión do premio, o representante do xurado, o crítico Ángel Basanta dixo que a obra é "un mosaico despedazado, difícil de entender -non de ler – e unha obra literaria de primeirísima magnitude".

Á dereita desta páxina pode descargarse o primeiro capítulo de A choiva do mundo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email