O xornal conta con dezaoito páxinas de información arredor dos novos lanzamentos da editorial. Entrevistas, novas, reportaxes e suxestións que non deixan fóra ningún chanzo de idade, desde os máis cativos aos últimos lanzamentos literarios.
Nesta publicación informamos das novidades que, coincidindo co Ano Ramón Piñeiro que celebraremos en 2009, a Editorial Galaxia vai dar ao prelo. Xurxo Borrazás é entrevistado arredor do seu novo libro Costa Norte/ZFK, mentres que Inma López Silva recoñece que os premios sempre son un tirón de visibilidade, asunto no que tamén coincide o escritor Xesús Constela. Artigos sobre Flavio Soriga ou Martínez Pereiro conviven coas verbas de Manuel Janeiro ou Encarna Otero, autores de volumes que son coma agasallos desde todos os puntos de vista.
O lanzamento da nova colección Árbore Musicontos, Pimpín por aquí non vin e o proxecto Eu tamén son fonte, ou as novidades en poesía e ensaio, completan un xornal que é algo máis que un catálogo de novidades. É tamén unha fonte de información e un guieiro para escollermos as nosas lecturas vindeiras.
Dedicamos a derradeira páxina a lembrar a xornada do pasado 25 de Xullo na que o goberno galego distinguía a Editorial Galaxia coa Medalla de Ouro de Galicia.