Presentouse o libro na sede da Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela, nun acto presidido polo conselleiro da Presidencia da Xunta de Galicia, Xosé Luis Méndez Romeu, e no que estiveron presentes algúns dos autores dos traballos, ademais dos coordinadores académicos da edición.
Xaquín Álvarez Corbacho insistiu na necesidade de profundizar no coñecemento da situación económica cunha ollada crítica, pensando no futuro, con datos contrastados e reflexións argumentadas dende as que poder tomar decisións, e o profesor Santiago Lago fixo un repaso polos principais temas que se recollen neste segundo volume.
Chaves da economía pública galega, II, que se titula Territorio, financiamento e control do gasto, aborda cuestións tan variadas como a organización do territorio e a súa relación co desenvolvemento económico do país (Albino Prada), os ingresos urbanísticos dos concellos (Xaquín Álvarez Corbacho), o desenvolvemento das cidades portuarias e a potencialidade do comercio marítimo na economía galega do novo século (Fernando González Laxe), propostas para fortalecer o sistema educativo (Santiago Lago e Alberto Vázquez García), política industrial e dinamismo empresarial (Xosé H. Vázquez, Gloria Caballero e Pilar Piñeiro), situación medioambiental (María Xosé Vázquez Rodríguez), procesos orzamentarios e control de gasto (José Caamaño Alegre) e presente e futuro do imposto sobre sucesións e doazóns (Manuel Lago e Santiago Lago).
En palabras do conselleiro da Presidencia, Xosé Luis Méndez Romeu, trátase de crear espazos de reflexión e debate, libres, autónomos, distanciados do poder político, que non sempre ten que compartir as conclusións que nestas páxinas se presentan, pero que son extraordinariamente útiles nestes tempos de mudanza, onde tan necesario resulta poder tomar decisións con información e coñecemento contrastados.