No espectáculo os asistentes terán que axudar ao protagonista no seu descenso aos abismos mariños nunha aventura na que a música e os libros están moi presentes. A música, de feito, é un elemento esencial neste espectáculo teatral que xoga coa técnica do teatro negro para conseguir fermosos efectos que sorprenderán aos espectadores.
A obra Flis-fli-ris-flás enmárcase dentro dunha Campaña de fomento da lingua galega e da lectura no ámbito familiar, apoiada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, cun programa que tenta chegar a todos os nenos de Galicia. Inclúe a representación da obra de teatro dirixida aos alumnos de primeiro e segundo curso de Educación Primaria de Flis-fli-ris-flás, a última obra do grupo teatral Matapiollos, dirixida por Jorge Coira, así como o agasallo, a todos os nenos de Galicia, do libro co conto da obra, un programa de actividades para traballar o desenvolvemento do hábito lector nas familias, e un CD-Rom interactivo cunha aventura arredor da lingua e os libros.