Mañá sábado remata na cidade de Lugo a campaña de fomento da lingua galega e a lectura, Flis-fli-ris-flás promovida pola Editorial Galaxia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística coa derradeira das 75 funcións de teatro representadas pola compañía Matapiollos dirixida por Jorge Coira.
En total, a campaña chegou á totalidade do alumnado de primeiro e segundo de primaria de Galicia. Todas as nenas e nenos dese chanzo de idade recibiron todo o material dunha campaña que pode ser considerada unha das máis ambiciosas que se teñan feito nunca en Galicia arredor da lingua, o libro e a lectura.
En colaboración cos concellos de toda Galicia e os centros educativos de primaria, nenos do primeiro ciclo de primaria, así como público de todas as idades nas sete grandes cidades do país, puideron participar das aventuras de Martiño, un neno con medo á escuridade. Grazas ao poder da imaxinación e dos libros, vivirá unha apaixonante aventura que os membros da compañía Matapiollos, coa axuda dos nenos e das nenas no teatro, poñen en escena provocando a maxia e a ilusión necesaria para que se tome como verdade o que é mentira, e deixando claro que os malos malísimos non poden nada cando se enfrontan a cativos valentes.
Flis-fli-ris-flás supuxo a edición de case que 45000 libros e CD-roms interactivos que implicaron o traballo dunha boa cantidade de creadores. Ademais da Compañía Matapiollos que levou a obra con grande éxito por todo o país ( cheo absoluto nas sete cidades de Galicia ), a escritora e xornalista Araceli Gonda converteu en conto a historia teatral. Esta, editada nun fermoso e coidado volume ilustrado, como todo o material da campaña, polo artista betanceiro Xosé Tomás, publicouse abeirada a unha proposta de actividades lúdicas arredor da lingua galega e o amor aos libros, obra do orientador educativo Francisco Díaz Rei. Ao mesmo tempo, todos os nenos e nenas do primeiro ciclo recibiron unha aventura interactiva en CD-Rom, obra de José Luís Orge e Francisco Castro, na que tiñan que axudar a Martiño a salvar a un grande amigo secuestrado, e como adoita acontecer nas boas historias de aventuras, polo malo malísimo.
En definitiva, chega á súa fin unha ambiciosa campaña de fomento da lingua e da lectura que conxugou teatro, libros, actividades para as familias e as novas tecnoloxías.
Os nenos e as nenas de Galicia xa comezan a botar en falla a Martiño.