Falamos de Editorial Galaxia porque é a nosa casa, aínda que podiamos referirnos tamén a outras editoras galegas que nestas datas presentan novidades. Os días de Nadal e Reis son unha excelente ocasión para agasallar libros e a oferta do libro galego non podemos dicir que non resulte variada: para todos os públicos, para gustos moi diversos, para todas as idades. Outra cousa é que reciban o tratamento promocional nos medios de comunicación, nos trinques e nas mesas de novidades das librerías, como debería ser.

Inma López Silva vén de publicar unha novela magnífica, "Memoria de cidades sen luz", Premio Blanco Amor; Xurxo Borrazás con "Costa Morte/ZFK" segue polos seus mellores pasos e non decepciona; de Camilo Gonsar, recentemente falecido, publicamos as súas narracións curtas "Relatos completos, 1961-1995"; Xesús Costela inspírase en Shakespeare para construir unha historia chea de imaxinación e de boa literatura: "Shakespeare destilado"; Martínez Pereiro é o último Premio Repsol; Pacho Blanco é Premio Torrente Ballester con "A choiva do mundo"; Vítor Vaqueiro ten os seus lectores propios, posuidor dun mundo orixinal e dun estilo certamente cualificado… ¿Quen di que non hai oferta variada?

E están Paul Auster, Haruki Murakami (que saiu en galego dous meses antes que en castelán), Kazuo Ishiguro, Zadie Smith, Flavio Soriga, Muriel Barbery, Orhan Pamuk… Os grandes autores contemporáneos tamén poden lerse en lingua galega.

Unha estrea destes días son os Musicontos: as dúas entregas de Xosé A. Neira Cruz coa colaboración da Real Filharmonía de Galicia e os ilustradores Federico Fernández e Rodrigo Chao: "O debut de Martino Porconi" e "O prodixio dos zapatos de cristal". A terceira entrega, "Un bico de amor e vida" está en máquinas.

E os dous libros de Encarna Otero, con magníficas ilustracións de Elisa Gallego: "O branco país sen neve" e mais "A serea do mundo". E ese traballo estupendo, sensible, emocionante, de Teresa Moure, "Eu tamén son fonte", con debuxos de Leandro Lamas. E a poesía de Manuel Forcadela, "Música de cinza" en DOMBATE. E a última obra de Manuel Janeiro, "A fada das lapas"·, con ilustracións de Zita Delaco. E as lampreas de Miguel Piñeiro. E o Miro Casabella contado por Xan Fraga (que inclúe fotografías e composicións do cantautor, recollidas nun CD). E os ensaios de Basilio Lourenço, "Ao final do infinito" e de María López Sández, "Paisaxe e nación" (Premio Ramón Piñeiro, 2007). E eses marabillosos acordeóns do Samaín, o Magosto e o Nadal para os primeiros lectores, ou a serie nova de Tartarugas… ¿Quen di que non hai oferta?

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR