Encarna Otero presenta a novela de Inma López Silva en Santiago

Categoría: Nova

No Casino de Santiago, Encarna Otero falou con emoción e entusiasmo da novela de Inma López Silva, á que saudou coma unha das creadoras máis valentes, intelixentes e sensibles da narrativa galega contemporánea, protagonizada moi especialmente por mulleres. Memoria de cidades sen luz é a recreación dun mundo literario que ten que ver coa Galicia moderna e urbana que empezaba a expresarse na década dos 30, que frustrou a guerra civil e continúa no exilio. A Coruña, Santiago (coa figura do editor Ánxel Casal coma un dos personaxes sobranceiros da obra), Barcelona, París, Nova York, Buenos Aires… Unha novela aberta ao mundo, que captura ao lector dende o primeiro momento e non o solta ata a derradeira das súas 344 páxinas.

Abriu o acto o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, que salientou a constante evolución da narradora, Premio Xerais no ano 2002 e arestora Premio Blanco Amor, "o que a sitúa como referencia obrigada da novelística contemporánea".

Novela esixente, documentada, pero que non renuncia ás emocións e ás paixóns, e que retrata toda unha época: a que vai dende os primeiros anos 30 ata pasados os anos 60, "unha longa crónica que, a través de personaxes reais e figuras de ficción, nos traslada a un tempo extraordinariamente significativo, que marcou a varias xeracións".

Os actores Elisenda Renón e Ermel Morales fixeron un recreación dos personaxes principais: Marcel, un neno marcado pola traxedia dos seus pais (o seu asesinato, que contempla abraiado dende debaixo dunha cama) e Lucía, a muller que o acolle e o adopta, e que se converte na súa nai, amante do editor Ánxel Casal, un dos referentes históricos do libro, xunto con outros personaxes coñecidos como Casares Quiroga, María Casares ou o propio Blanco Amor.

Coincidía a presentación do libro co Día da Edición, no que se lembra o nacemento do director e propietario da Editorial Nós, asasinado en 1936 polo fascismo. "Aquel día", confesa o protagonista, "tamén quixen quedar cego".

Comparte nas túas redes sociais ou por email