25 anos de cultura galega en Pontevedra

Categoría: Nova

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Xulio Fernández Gayoso, presidente de Caixanova, e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, falaron na inauguración da exposición, que permanecerá aberta ata o día 18 de xaneiro. Daquela trasladarase á cidade de Santiago de Compostela, onde continuará a súa itinerancia por Galicia.

En nome dos tres comisarios (Víctor F. Freixanes, Iago Seara e Henrique Monteagudo) falou o primeiro deles, salientando as características da mostra, deseñada por Xosé Díaz e producida por Merlín Comunicación. Son en total case 700 metros cuadrados expositivos, organizados en 25 módulos temáticos, nos que se fai un repaso pola cultura galega durante o último cuarto de século: dende as artes plásticas á edición e a literatura, dende o cine á economía e á empresa, dende o deseño industrial e a moda á proxección dos galegos no mundo.

Ramón Villares salientou que non se trata de facer historia do Consello, senón que, aproveitando os primeiros 25 anos desta institución, se quiso facer un reconto representativo da realidade actual da creación cultural en Galicia, instalados na globalización e abertos ás novas demandas e ás novas tecnoloxías.

Na mesma liña pronunciáronse o presidente de Caixanova, que xunto con Presidencia e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, son as entidades patrocinadoras, e o alcalde da cidade anfitriona, Miguel Anxo Fernández Lores, quen deu a benvida á exposición e invitou aos pontevedreses a visitala.

Comparte nas túas redes sociais ou por email