Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, fixo unha glosa do autor, a quen situou en Vigo contra finais dos anos 70, data en que se coñeceron. "Falar de Manuel Janeiro é falar dos amigos, da crónica sentimental que nos acompaña durante toda a vida, mais tamén da imaxe gráfica do libro galego, daquel proceso de modernización que comenzou da súa man e da man de Francisco Mantecón, en Galaxia, nos primeiros anos da década dos 80".

Dende entón, Manuel Janeiro aparece vencellado ao deseño e a cultura da imaxe, aínda que os seus primeiros pasos foron como poeta (na colección "Mogor", que editaba Xosé María Álvarez Blázquez na Editorial Castrelos). Non obstante, en 2008 deuse a coñecer como narrador co libro Pucho, o habitador de tellados (Kalandraka, Premio IBBY dese mesmo ano), e agora volve con A fada das lapas.

En palabras de Ramón Nicolás, que acompañou ao autor na presentación, trátase dun libro cheo de forza, de enorme capacidade expresiva, que combina moi intelixentemente beleza e eficacia estilística, e que propón unha parábola sobre o amor e as súas escravitudes, a proxección nos fillos, as relacións de parella: unha parábola do noso tempo, moi pegada á contemporaneidade, mais construída a partir da recreación dos mitos clásicos, facendo "unha nova e moi suxerente lectura dos mesmos".

Os debuxos de Zita Delaco ilustran este novo libro de Manuel Janeiro (unha fada envolta en lapas na cuberta). O autor definiu o amor coma un lume que nos consume e arrebata, que poucas veces podemos controlar, que condiciona as nosas vidas, enchéndoas de forza e de enerxía, e que efectivamente se continúa e nos continúa na descendencia, marabillosa consecuencia do encontro das criaturas (aínda que ás veces produza profundos sufrimentos).

Entre a traxedia e o mito, esta nova achega de Manuel Janeiro é un deses libros difíciles de deizar, unha vez iniciada a súa lectura. Unha excelente recomendación para estes días de Nadal.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR