"EU TAMÉN SON FONTE" EN RIBEIRA

Categoría: Nova

Despois do seu paso por Moaña, onde estivo aberta durante o mes de Outubro, as ilustracións de Leandro Lamas para o libro de Teresa Moure, Eu tamén son fonte, chegan durante o mes de Novembro ao Auditorio de Ribeira. Trátase dun conxunto de paneis en formato grande onde o espectador pode, ademais de asistir a unha singular experiencia estética, mergullarse na historia escrita por Teresa Moure. O público verase sorperndido por unha proposta chea de cor e de palabras, de gran forza cromática e mensaxe de amor.

A mostra complétase cuns trípticos informativos arredor da lactación materna así como con fermosos carteis que poden ser recollidos polo público asistente e que, sen dúbida, constitúen un agasallo engadido.

Para os colexios, elaboráronse unha serie de propostas didácticas que permitan ao profesorado e aos cativos e cativas traballar arredor da temática que plantexa o libro (o aleitamento como un dereito e como un agasallo e como un intre para a comunicación) antes, durante e despois da exposición.

Eu tamén son fonte está a ter unha grande acollida entre os lectores e lectoras. Durante os meses vindeiros seguirá a itinerar por toda Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email