FLIS-FLI-RIS-FLÁS COMEZA A VIVIR NOS BLOGS

Categoría: Nova

Así, no blog Dálle un coliño, podemos ler:

"Fomos ver a representación de Flis Fli Ris Flas, do grupo Matapiollos, que se encadra dentro da campaña de animación lingüística da que xa vos falara. A obra é boísima, recoméndovola sen dubidalo. Os nenos participaron un montón interactuando en todo momento con Martiño (o protagonista) e os pais botamos uns risos coas súas ocorrencias.

O escenario é sinxelo, apenas aparece nunha metade a habitación de Martiño e na outra só escuridade, pero non baleira! aí transcorre boa parte da peza. A obra acompáñase dunha canción moi sinxela que acabamos cantando todos xuntos (xa sabedes porque é que está a chover. Ups!)."

Tamén prestan atención á obra noutras bitácoras ben interesantes como a da Biblioteca do CEIP Fermín Bouza Brey, onde lemos estas entusiastas palabras:

"Hoxe a compañía de Teatro Matapiollos representounos no Auditorio a obra Flis-fli-ris-flás. Unha iniciativa do Concello en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, para potenciar o uso do galego.

Martiño, ten certos medos, como á oscuridade, e cando chega o momento de durmir, fai todo o que pode para non quedarse a escuras. Axúdanlle os contos que lle le o seu pai. Invitan aos rapaces e rapazas a acompañar a Martiño, incluso con cancións, ata un mundo cheo de emocións e aventuras onde os medos marcharán, por fín, para sempre. Todos os asistentes foron agasallados cunha bolsa que incluía un conto, para traballar desde a familia arredor da lingua e a lectura, e un CD interactivo. Para os pais, ademais, un tríptico coa idea de sensibilizalos da importancia do seu traballo como transmisores e fomentadores da lingua e do amor polos libros.

Tan pronto chegamos ao colexio xa estaban desexando ler o conto. ¡Que ben o pasamos!"

Estas son só dúas mostras das moitas que podemos atopar no blogomillo. Martiño comeza así a súa ciber-vida.

Comparte nas túas redes sociais ou por email