"Así nacen as baleas". Premio REPSOL

Categoría: Nova

Non cabía unha agulla. A fundación vestiuse de festa. Anxos Sumai confirma unha excelente traxectoria como narradora, que comezara con Anxos da garda (2003) e mais con
Melodía de días usados
(2005), e o público así o celebrou. Xosé Luis Axeitos, membro da Real Academia Galega e secretario do xurado do premio, invitou con entusiasmo aos presentes a ler o libro e espallar a noticia: "O verdadeiro éxito dun libro é aquel que circula boca a boca".

Da mesma opinión foron o director xeral de Editorial Galaxia e as autoridades presentes, Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística, María Xosé Bravo, concelleira de Cultura da cidade da Coruña, e Rafael Rubio, director da refinería REPSOL, entidades convocantes do premio. Tamén estaba na sala o gañador do ano anterior con Se algún día esta muller morta, Miguel Sande.

Unha novidade importante, que se anunciou no acto, é a presencia das dúas novelas (a de Anxos Sumai e a de Miguel Sande) nas principais estacións de servizo de REPSOL en Galicia. Por primeira vez, os libros galegos aparecen dese xeito neste circuito comercial de estradas e autoestradas, á par das caixas rexistradoras e outros produtos. Editorial Galaxia preparou un expositor específico para a ocasión.

O acto tivo moito de festa. Silvia Longueira, directora da Fundación Luis Seoane, tamén actuou de anfitriona. Francisco Pillado, asesor cultural da refinería REPSOL, Miguel Anxo Fernán-Vello, Alfonso García Sanmartín (presidente da AGE), Tucho Calvo, Rosa Aneiros, Xesús Constenla, Xosé Monteagudo, Manuel Rico, Henrique Rabuñal, o académico da RAG Manuel González, o fotógrafo Roberto Ribao, Camilo Franco, o pintor Felipe Criado, etc., estaban entre os asistentes. O acto clausurouse brillantemente cun concerto do cuarteto de corda Vlashi que interpretou pezas de Mozart e dos compositores galegos Margarita Viso, Xoán Antón Vázquez e Paulino Pereiro, os tres alí presentes.

Podedes ler as palabras de agradecemento de Anxos Sumai no enlace da dereita:

Comparte nas túas redes sociais ou por email