A edición galega segue apostando en futuro

Categoría: Nova

Coordinados pola profesora e crítica literaria Dolores Vilavedra, participaron na mesa redonda Xosé Ballesteros (Editorial Kalandraka), Alfonso Sanmartín (Editorial Rodeira e actual presidente da Asociación Galega de Editores), Carlos del Pulgar (Galicia Nova), Miguel Anxo Fernán-Vello (Espiral Maior) e Manuel Bragado (Edicións Xerais de Galicia).

A mesa redonda, centrada nos problemas e nos horizontes da edición, forma parte da serie de debates que Editorial Galaxia e Merlín Comunicación, en colaboración coa Fundación Caixa Galicia e a Consellería de Cultura e Deportes, veñen desenvolvendo arredor da exposición homenaxe a Xohán Ledo, que se pode visitar ata mediados de xaneiro no Parque Quiñones de León de Castrelos, en Vigo.

Os editores seguen apostando polo futuro. Tal como iniciou o debate Xosé Ballesteros, na actualidade forman parte da Asociación Galega de Editores 44 empresas editoriais. A edición en lingua galega medrou espectacularmente nos últimos anos. Máis de 1.800 referencias de ISBN anuais produce o libro no noso idioma, o que significa que cada día saen cinco títulos en galego. A variedade da oferta non fixo máis ca medrar. Aínda que a dependencia do mercado escolar é grande, pois un 48 % do libro en lingua galega é libro de texto e outra porcentaxe importante circula arredor dos espazos escolares e a prescripción educativa, a produción literaria segue a desenvolverse (arredor do 14 % da facturación privada) e outrosí a literatura infantil e xuvenil. No ano 2006 as empresas afiliadas a AGE facturaron un total de 27,51 millóns de euros, cun crecemento espectacular respecto do exercicio anterior.

Todos os editores coincidiron, nembargantes, en que o gran desafío do libro é a escasa práctica lectora da sociedade galega, práctica que, segundo salientou Manuel Bragado, é fundamental para o desenvolvemento das sociedades modernas, moi especialmente na nova realidade da Sociedade da Información e o Coñecemento. Sen lectores non hai futuro, nin para o libro, nin para unha sociedade desenvolvida, democrática e con capacidade de crecemento.
"Non falamos só de literatura", advertiu o editor. "Falamos de lectura, de pular unha política que permita facer lectores, con ambición e con recursos, pensando sobre todo nas xeracións novas".

Nas novas xeracións está a esperanza, porque é neste segmento da poboación onde se producen os máis elevados índices de lectores. Tamén de lectores en lingua galega. Fronte aos que seguen pensando nun libro subvencionado e protexido, os editores presentes coincidiron todos na necesidade de potenciar as infraestruturas lectoras, bibliotecarias e educativas da sociedade, único xeito de construir un horizonte sólido, para írmonos achegando ás medias e hábitos do espazo europeo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email