‘Escritores para un país’

Categoría: Nova

Na presentación do acto, Fran Alonso recordou que a literatura é a única arte que non pode prescindir da lingua, pois constitue o corpo do que se nutre, unha gozosa esixencia que enfronta aos autores galegos a problemas ligados ao estatus da súa lingua. Chega o escritor galego ao público? Poden as súas obras chegar ao mundo, como as do mundo a nós?.

Xosé Enrique Ribadulla aproveitou a vella polémica de se os guionistas eran escritores ou non tanto, superada en norteamérica pero con remorsos aínda entre nós, para suliñar as diferenzas entre o traballo de novelistas, poetas e dramaturgos e o dos guionistas: iniciativa fronte a encargo, control sobre o produto final versus incerteza. Esta particularidade dificulta o labor do guionista que, conscientemente, quere traballar pola cultura e a lingua do país.

Gonzalo Navaza puxo sobre a mesa a importancia dunha boa tradución para a saúde dunha lingua. É preciso evitar o descoido e a precariedade no mundo da tradución e buscar a planificación sensata: que se vai traducir e que calidade vai ter a tradución. Non se debe menospreciar –resaltou- o papel da tradución como facilitadora de modelos de creación.
Marta Dacosta, centrou a súa intervención no proceso de creación literaria: na escrita hai intención –suliñou- hai vontade; recordando que en Galicia a primeira decisión que toma un escritor ou unha escritora é sobre a lingua na que vai escribir. Se elixe o galego convértese nun autor da literatura galega.

Ao remate das intervencións dos invitados iniciose un animado debate co público, onde se discutiu sobre a profesionalidade do escritor, sobre o seu recoñecemento social, a súa relación co editor e as implicacións da lóxica de mercado no desenvolvemento da carreira literaria.

Comparte nas túas redes sociais ou por email