Libro e mercado

Categoría: Nova

Son dúas xornadas intensas: xoves e venres. As sesións celébranse, como todos os anos, na sede do Consello da Cultura Galega e reúnen especialistas de dentro e de fóra de Galicia.

Silvia Querini (editora) fala das relacións entre libro e mercado e Antonio G. Iturbe (subdirector da revista Qué leer) intenta responder á pregunta de qué queren os lectores. Fernando Valverde (presidente de CEGAL) reflexiona sobre a oferta e a demanda, e a primeira xornada se complementa con dúas mesas redondas para o debate: "Os libros máis vendidos" e "Literatura e mercado: unha relación complexa", con participación de críticos literarios, lectores, editores, escritores e libreiros.

A segunda xornada inaugúrase cunha intervención de Manuel Valente, director da portuguesa Ediçoes Asa), que fala de edición de cultura e edición de mercado, e continúa cunha mesa redonda sobre "A visibilidade (ou invisibilidade) do libro galego". Cerran as xornadas unha conferencia de Félix Rodríguez, especialista en exportación do libro, sobre o mercado exterior, e outra de Mónica Martín (axente literaria) sobre o mercado editorial visto dende esta especialidade.

A Asociación Galega de Editores e CEDRO, que contan coa colaboración do recentemente constituído Cluster do Produto Gráfico e do Libro Galego, ademais do devandito Consello da Cultura Galega, intenta, un ano máis, abrir foros para a reflexión e o estudo da industria editorial, non só dende a perspectiva galega, mais procurando a participación doutras experiencias próximas, con representación de profesionais das distintas culturas peninsulares.

Comparte nas túas redes sociais ou por email