LETRAS GALEGAS 2023
“Nas páxinas que seguen conto o que me sucedeu durante o decorrer de moitos anos, e de todo aquilo do que fun testemuña. O que, no seu contido, pode valer é o decurso completo dunha existencia; a de alguén que fixo o que pensaba que debía facer, pero sempre con relativa prudencia e xenerosidade.”
Un reconto dos aconteceres e dunha traxectoria vital, en certa maneira, optimista e rachadora: a de Francisco Fernández del Riego.
Francisco Fernández del Riego, don Paco (Vilanova de Lourenzá, 1913- Vigo, 2010), dende os anos 30 desenvolveu un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia. Foi un dos principais artífices da editorial Galaxia e director xunto a Ramón Piñeiro da revista Grial nos seus primeiros cen números. Ensaísta e narrador, é autor dunha extensa obra centrada sobre todo na cultura e na literatura galega.
Foi recoñecido con numerosos galardones como unha das principais figuras de Galicia (Premio Trasalba, Premio Pedrón de Ouro, Medalla de Ouro da Cidade de Vigo, Premio de creación cultural da Xunta de Galicia etc.). Foi nomeado Doutor honoris causa pola Universidade de Vigo e Galego Egregio pola Fundación dos Premios da Crítica. En 2023 a RAG dedícalle o Día das Letras Galegas.