LETRAS GALEGAS 2023
En maio de 1953, Francisco Fernández del Riego e a súa esposa, Evelina, viaxan a París, onde se reencontran co seu amigo Manuel Colmeiro. Aqueles días nas ribeiras do Sena serviron para coñecer a cidade, os museos e a arte, á vez que mantivo parladoiros con persoeiros relevantes, moitos deles exiliados, e ampliou pareceres e coñecementos.
En moitos dos escritos Del Riego deixou noticia da importancia da literatura francesa na súa vida, e, nun caixón, quedaron estas Memorias do París literario, onde volve sobre unha das súas grandes paixóns.
Francisco Fernández del Riego, don Paco (Vilanova de Lourenzá, 1913- Vigo, 2010), dende os anos 30 desenvolveu un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia. Foi un dos principais artífices da editorial Galaxia e director xunto a Ramón Piñeiro da revista Grial nos seus primeiros cen números. Ensaísta e narrador, é autor dunha extensa obra centrada sobre todo na cultura e na literatura galega.
Foi recoñecido con numerosos galardones como unha das principais figuras de Galicia (Premio Trasalba, Premio Pedrón de Ouro, Medalla de Ouro da Cidade de Vigo, Premio de creación cultural da Xunta de Galicia etc.). Foi nomeado Doutor honoris causa pola Universidade de Vigo e Galego Egregio pola Fundación dos Premios da Crítica. En 2023 a RAG dedícalle o Día das Letras Galegas.