LETRAS GALEGAS 2023
Camiño andado é unha autobiografía e a crónica dun tempo, dunha xeración e dunha esperanza, onde o autor asume a experiencia vivida para percorrer, desde a memoria, o camiño andado que vai desde o agromar da República e o pulo do galeguismo ata o labor cultural para reconstruír na clandestinidade aquel alento esvaecido. Desde a sublevación militar, que borrou o futuro, ata as posibilidades que abriu a chegada da democracia.
A vida de Francisco Fernández del Riego, alimentada dunha paixón e dunha fidelidade: Galicia e a súa cultura.
Francisco Fernández del Riego, don Paco (Vilanova de Lourenzá, 1913- Vigo, 2010), dende os anos 30 desenvolveu un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia. Foi un dos principais artífices da editorial Galaxia e director xunto a Ramón Piñeiro da revista Grial nos seus primeiros cen números. Ensaísta e narrador, é autor dunha extensa obra centrada sobre todo na cultura e na literatura galega.