LETRAS GALEGAS 2023
O texto mecanografado deste diario descansaba esquecido entre os papeis de don Paco, nos arquivos da Fundación Penzol. Non é só un “diario da guerra”, non é só a memoria do soldado Fernández del Riego, porque se miramos por baixo da tona e lemos ao xeito do tempo en que foi escrito, chegaremos ao que quixo dicir, ao que tivo que vivir, ao que tivo que calar, máis alá do esquecemento.
Estas letras son a revelación da memoria dos perseguidos, dos forzados, dos que fixeron a guerra contra a súa vontade, que nin a memoria lles deixaron.
Francisco Fernández del Riego, don Paco (Vilanova de Lourenzá, 1913- Vigo, 2010), dende os anos 30 desenvolveu un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia. Foi un dos principais artífices da editorial Galaxia e director xunto a Ramón Piñeiro da revista Grial nos seus primeiros cen números. Ensaísta e narrador, é autor dunha extensa obra centrada sobre todo na cultura e na literatura galega.
Foi recoñecido con numerosos galardones como unha das principais figuras de Galicia (Premio Trasalba, Premio Pedrón de Ouro, Medalla de Ouro da Cidade de Vigo, Premio de creación cultural da Xunta de Galicia etc.). Foi nomeado Doutor honoris causa pola Universidade de Vigo e Galego Egregio pola Fundación dos Premios da Crítica. En 2023 a RAG dedícalle o Día das Letras Galegas.