Un libro para todas as idades repleto de melancolía, fantasía, misterio e sabedoría, que o converten nunha obra mestra.
Este é un libro fundamental da literatura universal. Trata da historia dun neno, príncipe nun planeta sen xente, que un día abandona o seu reino desenganado dunha flor da cal está enamorado. Na viaxe que emprende por distintos planetas coñece sucesivamente a un rei, un vaidoso, un bebedor, un home de negocios, un faroleiro e un xeógrafo. Finalmente chega á terra, onde atopa a unha flor, un raposo, un garda-agullas, un comerciante e un aviador caído no deserto que trata de arranxar a avería do motor do seu avión. O home e o neno falan e fanse amigos, pero o pequeno quere volver ó seu planeta, onde está a súa flor, e déixase morder por unha serpe velenosa. Non é este o episodio menos enigmático e misterioso dun libro que todo el é un puro misterio. A tradución galega de Carlos Casares é hoxe considerada unanimemente como unha auténtica xoia literaria.
Antoine de Saint-Exupéry naceu en Lyon, Francia, en 1900. Foi piloto de aviación e contribuíu a establecer a comunicación aérea entre Bos Aires e París. Acadou fama, sen embargo, pola súa obra literaria. En 1929 publicouse o seu primeiro libro, Correo do Sur, ó que seguiron Voo nocturno (1931) e Piloto de guerra (1942), entre outros. O seu maior éxito conseguiuno cunha pequena obra mestra, aparecida por primeira vez en Francia en 1943 e logo traducida a un gran número de linguas: O Principiño. Durante a II Guerra Mundial, Saint-Exupéry incorporouse na forza aérea francesa do exilio, no norte de África. O 31 de xullo de 1944 despegou para unha misión da que nunca volvería.