Fantasía e amizade na busca dun soño
A casa da madriña conta a historia dunha casa que chega a ser o centro dos pensamentos e os desexos dun neno. Un día, este rapaz, que se chama Alexandre, deixa o seu traballo, que consiste en vender cousas na praia (pasteis, garrapiñada, xelados) e vai na procura da casa dos seus soños. No camiño encontra un compañeiro de viaxe, un pavón, con quen vai recorrer un longo traxecto mostrando un espectáculo no que o animal baila, fai maxia, adiviña cousas... Nunha das funcións que organiza na rúa, Alexandre coñece a Vera, unha rapaza da que se fai amigo e á cal lle transmite todas as marabillas que a el lle contou o seu irmán Augusto sobre a casa da madriña.
Naceu no Río Grande do Sul, en Brasil, e vive actualmente en Río de Xaneiro. Durante anos traballou activamente no teatro e na televisión, para os cales escribiu e traduciu algunhas pezas. Como escritora deuse a coñecer no ano 1972 cun libro titulado Os colegas, que mereceu o primeiro premio no concurso de literatura infantil do Instituto Nacional do Libro. Posteriormente publicaría dous títulos máis, Angélica e A bolsa amarela, que conseguiron o selo de ouro da Fundación Nacional do Libro Infantil e Xuvenil do Brasil nos anos 1975 e 1976, respectivamente.