A investigación que un neno leva a cabo para atopar as raíces da súa familia.
Como os audaces cabaleiros do Rei Arturo que enchen a súa imaxinación, Park, que ten once anos, anda a procura de algo. Quere saber como era o seu pai, que morreu na guerra do Vietnam, e do cal non garda recordos. Un día chega á facenda do seu avó, en Virxinia, e atópase con máis obstáculos dos que imaxinara. En primeiro lugar, na casa vive unha nena estranxeira, Thanh, que lle fai burla continuamente. ¿Pero quen era e que pintaba alí? E sobre todo, ¿como se atrevía a desafialo a el, Parkington Waddell Broughton V, o herdeiro daquela casa? Park terá que aceptar as inquietantes revelacións sobre a súa familia e sobre Thanh antes de descubrir a verdade que anda buscando.
Katherine Paterson é unha escritora norteamericana que vive nas fermosas e verdes terras de Vermont, en New England, concretamente en Barre, onde reside co seu home e catro fillos. Os seus libros para nenos teñen recibido unha calurosa acollida, tanto dos lectores como dos críticos, ata tal punto que están traducidos a dezasete idomas. Como recoñecemento á calidade da súa obra, foi galardonada en dúas ocasións coas prestixiosas medallas Newbery e co Premio Nacional do Libro nos Estados Unidos, que obtivo igualmente dúas veces, en 1977 e 1979. Colabora tamén na prensa diaria, incluso en grandes diarios como The New York Times.