ESGOTADO
A parodia e a crítica da sociedade da época nunha novela que significou a entrada da narrativa moderna na literatura galega. Publicada en 1928, é unha das obras máis emblemáticas e importantes da narrativa galega. O protagonista, un comerciante chamado Celidonio Latas Tinajero, consegue ir ascendendo na escala social ata chegar a alcalde da vila de Oria, trasunto da Ourense natal de Risco. Á zafiedade e ignorancia deste comerciante, opónselle a personalidade do doutor Alveiros, representante da vida intelectual. Na súa obra, Risco satiriza o gregarismo e a vulgaridade, a sociedade burguesa, a hipocrisía dos políticos e a homoxeneización das ideas.
Vicente Risco (Ourense, 1884-1963) foi unha das personalidades intelectuais máis complexas e relevantes da Xeración Nós. Autor dunha extraordinaria obra literaria, ensaística e investigadora, destacan nela títulos coma Teoría do nacionalismo galego (1920), os relatos baseados en lendas populares O lobo da xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán (1925), a novela O porco de pé (1928), o libro de viaxes Mitteleuropa (1934), a peza de teatro O bufón de El Rei (1928) e a súa novela en castelán La puerta de paja (1952).