No ano 1914 Vicente Risco asiste en Madrid ao Parsifal de Wagner, de inspiración celto-cristiá, que considera como “arte suprema”. E velaí a inspiración para o borrador da Doutrina do Sancto Graal, reivindicación do seu simbolismo: o cáliz, a estrela, o corno, os montes sacros de Galicia…, desde un realismo máxico que lle porá aura á creatividade daquel tempo. Felipe-Senén López Gómez achéganos nesta edición un pormenorizado estudo, transcrición e notas, ao redor dos textos dun Risco impregnado do panceltismo que floreceu na Galicia de finais do século XIX e inicios do XX.

Vicente Risco (Ourense, 1884-1963) foi unha das personalidades intelectuais máis complexas e relevantes da Xeración Nós. Autor dunha extraordinaria obra literaria, ensaística e investigadora, destacan nela títulos coma Teoría do nacionalismo galego (1920), os relatos baseados en lendas populares O lobo da xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán (1925), a novela O porco de pé (1928), o libro de viaxes Mitteleuropa (1934), a peza de teatro O bufón de El Rei (1928) e a súa novela en castelán La puerta de paja (1952).