A historia dun cocho que un día lle toca nunha tómbola a Zuppi, unha nena coa que Rudi coñecerá a súa verdadeira vocación.
A familia de Zuppi está formada por un pai exiptólogo en paro, unha nai profesora e tres fillos. A entrada do pequeño cocho na familia vai provocar alegrías e disgustos, enfados e aventuras. De primeiras resulta moi difícil convencer a un caseiro de que se pode ter un cocho na casa. Tampouco é fácil metelo na bañeira. Ao final, pasadas as incomodidades dos primeiros días, a familia acabará acomodándose a convivir co porco, aínda que o papá exiptólogo se teña que converter en vixiante dun campo de deportes. Alí nacerá a verdadeira vocación de Rudi Fuciños.
Uwe Timm naceu en Hamburgo no ano 1940, en plena Guerra Mundial. Empezou aprendendo o oficio de peleteiro, pero despois fixo estudos de Filosofía e de Filoloxía Xermánica en Munich e París. Estudou a obra do escritor francés Albert Camus, premio Nobel de literatura. Ten pasado longas tempadas da súa vida fóra do seu país, especialmente en Italia, América Latina e África. Actualmente reside en Hersching am Ammersee (Alemaña). Como escritor, cultiva distintos xéneros, incluída a novela para adultos. Os libros que escribe para nenos van dedicados aos seus fillos.