Hoxe, a pesar dos recortes e dos problemas, o profesorado galego inicia o curso escolar coa mesma ilusión de sempre, dispostos a multiplicar o traballo para chegar a onde quizais habería que chegar con máis recursos.
No proceso educativo ocupan, sen dúbida, un papel crucial as lecturas literarias, aquelas recomendacións que os e as docentes escollen para que o alumnado, ademais de ler boa literatura, en moitos casos, aborden tamén outras cuestións presentes nos curriculums e aos que, en ocasións, o mellor xeito de acceder é, precisamente, a partir dunha lectura axeitada.
No catálogo da nosa editorial, tanto na colección Árbore como en Costa Oeste, editamos textos que ano tras ano van coñecendo novas edicións, como é o caso das tres que hoxe traemos aquí e que veñen de entrar, novamente reeditadas, no noso almacén.
Por unha banda, 'Prohibido casar, papá!', de Fina Casalderrey, autora que tamén está a protagonizar un dos éxitos dos derradeiros meses trala publicación do seu 'Dúas letras' que inclúe a película do mesmo nome dirixida por Eloy Varela; por outro lado, todo un clásico nas nosas aulas, 'O cocho de carreiras Rudi Fuciños' de Uwe Timm; e xa, para un público mozo, 'O diario violeta de Carlota', un texto que axudará a contemplar o mundo cuns lentes violeta, é dicir, dende unha óptica feminista e igualitaria.
Feliz curso e felices lecturas para todos e para todas.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR