Trátase xa da sexta edición deste premio de narrativa breve, que convoca a Fundación Repsol, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Un ano máis o título premiado será publicado por Editorial Galaxia no vindeiro mes de novembro.
O xurado desta edición está composto por: Xavier Alcalá, Dolores Vilavedra, Darío Xohán Cabana, María Canosa e Carlos Lema.
Esta sexta edición consolida o premio coma un dos máis destacados do panorama literario galego e un referente dentro da narrativa breve. Na primeira edición, no 2006, o xornalista Miguel Sande fíxose con este galardón pola súa obra Se algún día esta muller morta. A gañadora da segunda edición foi a obra Así nacen as baleas, da escritora Anxos Sumai. Na terceira edición, en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón polo traballo A verdade como mal menor. Na edición 2010 o premio foi para o escritor Xurxo Sierra Veloso, pola súa obra Os fíos. O premio do ano pasado foi para a obra de microrrelatos Microbios e outros Paquidermos de Fernando Díaz-Castroverde.