Exhaustiva investigación sobre o caso do metílico, que acabou coa vida de máis de mil persoas en 1963
Este libro é o resultado dunha exhaustiva investigación sobre o caso do metílico, o alcohol tóxico comercializado fraudulentamente que foi a causa da morte de máis dun milleiro de persoas no ano 1963, e que deixou cegas a moitas outras. Aínda que o envelenamento se estendeu por toda a xeografía española, foi na provincia de Ourense onde tivo unha maior incidencia. Fernando Méndez traballou durante varios anos cos 36.000 folios que compoñen o sumario deste caso, arquivados no Pazo de Xustiza de Ourense, e escribiu este libro, apaixoante reconstrucción dunha sórdida historia de lucro e morte.
Fernando Méndez (1964) traballou nas seccións de información xudicial e sucesos de Faro de Vigo e La Región e colaborou en numerosos medios de comunicación. Especialista en sida e drogodependencias, recibiu numerosos premios de xornalismo polos seus traballos sobre estes temas, entre eles o Julio Camba, o Xunta de Galicia e o Raíña Sofía. Entre as súas investigacións máis importantes destacan as realizadas sobre o tratamento informativo das drogodependencias e sobre a iniciación ó consumo de drogas entre a mocidade galega, así como os seus estudios sobre a violencia na Galicia rural.