PREMIO RAMÓN PIÑEIRO DE ENSAIO 2023
Os lastres que dende hai séculos teiman en mistificar o oficio poético afástano unha e outra vez da consideración de traballo. A mesma profesionalización que incrementa valor a un músico ou a unha artista plástica pode producir descrédito nunha poeta. E as mans que escriben versos chegan a ser glorificadas no mesmo movemento co que se lles nega unha xusta remuneración.
O risco de deixar a arte en mans de quen se pode permitir facela a cambio de nada remata por precipitarse nunha fenda de clase capaz de deixar fóra as voces das precarias, das excluídas, das incómodas.
Tras trinta anos de traxectoria e unha carreira internacional, unha das poucas figuras que experimenta o que é vivir deste xénero tira conclusións ao fío do vivido, e abre debate no que é o seu primeiro volume de ensaio.
Unha reflexión que tamén convida a unha ollada cómplice dende calquera oficio creativo ou cultural.
(Santiago de Compostela, 1977) é poeta, filóloga, tradutora, videocreadora e unha premiada xestora cultural coa súa Residencia para Escritores/as na Coruña. Dende 2009 dirixe obradoiros de tradución poética, festivais e ciclos de poesía. Conta no seu haber con múltiples premios, entre os que destacan os Premios Nacionais da Crítica (1998 e 2022), Espiral Maior 2007, Ojo Crítico 2009, Fundación Novacaixagalicia, González-Garcés de Poesía, “Galega do Ano 2023”, o Premio da Cultura de Galicia e o Premio Nacional de Poesía 2023.
Publicou varios poemarios individuais, edicións bilingües (galego-castelán) e en inglés, francés, cata- lán, italiano, serbio, macedonio, esloveno e armenio, plaquettes noutros tantos idiomas, antoloxías e libros de poesía infantil, entre outras moitas obras.
Recibiu varias bolsas como Escritora en Residencia no estranxeiro, mostrou o seu traballo en múltiples países e, en colaboración con outros/as artistas, desenvolveu experiencias que fusionan a escrita con outras linguaxes creativas: plástica, música, arquitectura, danza, audiovisual, cómic, cine en 360o ou mesmo coa cociña.
Na Editorial Galaxia publicou títulos para público infantil como Cando eu saiba ler, ilustrado por Xosé Tomás; Punver, e Punver de volta, ilustrados por Eduardo Hermida. En 2011 publicou xunto con Andrea Costas, Cociñando ao pé da letra.
Foto de Abelino Pombo