Mestre e labrego que naceu en 1876 en Berres (A Estrada) e morreu en 1972 en Callobre (A Estrada). Realizou estudos de Maxisterio. Foi fundador e director do xornal El Estradense (1906). Asinaba co pseudónimo Ken Keirades os seus artigos anticaciquís. Debido ás súas ideas galeguistas e progresistas, tivo problemas coa xustiza, chegando a ser encarcerado en varias ocasións, coincidindo na prisión de Pontevedra con Fernández del Riego en 1955.
Da súa creación destacan a obra teatral Carta da Habana, estreada en 1926, Contiños da Terra (1931) e a novela As Aventuras de Alberte Quiñói, que rematou de escribir en 1942 e só vería a luz postumamente. Tamén a colección de relatos inéditos Enredos e a miscelánea autobiográfica Dos meus recordos foron publicados logo da súa morte. Desde 1957 o escritor estradense foi correspondente da Real Academia Galega.