Días felices con Fábia é unha historia de sedución e enganos que transcorre no Porto. Un realizador de televisión en horas baixas chega para facer un documental sobre a acuicultura dos polbos e coñece a Fábia, unha bióloga que vai remover case todo na súa vida.
As historias de amor empezan sempre cunha mentira. Sabémolo, e facemos coma se non o soubésemos. Deixamos que todo siga o seu curso, porque nos satisfai a eficacia das nosas trampas ou porque admiramos a arte das mentiras alleas, como pasa nos espectáculos de maxia. A graza do asunto é que sempre vivimos o amor coma se fose o sentimento máis auténtico.
O protagonista vai anotando no seu caderno curiosas historias reais de mentireiros falsificadores e doutros trampulleiros notables que nos axudan a saber algo mais sobre el mesmo e as súas circunstancias.
Amor, mentiras e melancolía. Tamén unhas pingas de humor, habituais na obra de Xosé Cermeño, para unha historia diferente.

(A Coruña, 1959) é sociólogo e autor dunha obra literaria singular. Foi creador de éxitos de televisión en Galicia, como Pratos combinados e Larpeiros, e tivo un papel destacado no desenvolvemento da ficción audiovisual no noso país. Publicou narrativa, ensaio, contos infantís, obras de divulgación, poesía e teatro. A novela Días felices con Fábia (2023) e o libro de prosas breves Vantaxes e inconvenientes de case todo (2025), publicados en Editorial Galaxia, son as súas obras mais recentes. Os aspectos históricos, simbólicos e festivos das cousas de comer son para Cermeño unha fonte de inspiración literaria e un motivo de reflexión. Por que comemos?, inzado de historias e anécdotas sorprendentes, nace desa curiosidade do autor polo mundo da gastronomía.