O protagonista da novela, chamado Szymo, queda descrito pola letra dunha canción que el mesmo escoita por asualidade e na que se acaba por recoñecer:
"Son un negro / a miña pel é branca / e iso gústame / é a diferenza o que é bonito. / Son un branco / o meu sangue é negro / e iso encántame / é a diferenza o que é bonito. / Gustaríame / que nos entendésemos no amor / que nos comprendésemos no amor e na paz. / A vida será fermosa / cadaquén poderá ter o seu amor / a vida será fermosa". ¿Todos somos diferentes ou todos somos iguais? Esa é a pregunta sobre a que se artella unha historia que intenta reformular a ficción da "diferenza" contrapoñéndoa á igualdade proclamada nos inicios da Idade Moderna pola Ilustración e a Revolución Francesa (a Europa actual). Núñez Singala escribe unha novela de iniciación situada na África poscolonial: a peripecia do protagonista, que busca a liberdade e o fai a través dunha viaxe iniciática, é o motivo que se desenvolve e mediante o cal o autor expón unha versión posmoderna da subxectividade, exemplificándoa nun caso de ambigüidade extrema, o dun individuo
—Szymo— cuxa identidade contradí as súas características físicas.
Dese xeito, a literatura acaba por ser reforzo nada banal dunha das cuestións centrais da posmodernidade, a da produción de subxectividade como estratexia de reformulación da sociedade civil. De aí a pertinencia narrativa de situar esa reformulación nun contexto poscolonial, contexto no que claramente se está a resolver un conflito identitario semellante ao do suxeito posmoderno mais no nivel da organización política, é dicir, no nivel das nacións como discurso da diferenza.
Naceu en Lugo en 1963, pero en Vilalba é onde transcorre a súa infancia e adolescencia. A Terra Cha é a súa primeira patria. Estuda, traballa e vive máis tarde en Compostela, que é como el mesmo di a súa segunda patria.
Sempre foi un gran afeccionado á lectura, pero a súa inclinación pola escrita, di que quizais lla deba aos certames literarios do instituto de bacharelato vilalbés. Nese centro estreou as primeiras obras de teatro, ata tres montaxes aló contra final dos anos setenta. Despois estudou en Santiago onde ficou. En Galaxia ten publicado O achado do castro (1991, Premio Xiria de Creación Teatral 1987), Comedia bífida (2007), Planificación estratéxica (2009). Narrativa: Mar de fondo (1997), Menú de enganos (2010, Premio Frei Martín Sarmiento 2011). Tamén o ensaio e os traballos de investigación sobre cuestións relacionadas coa normalización do idioma ocuparon boa parte do seu tempo, como se recolle no libro En galego, por que non? (2009).