Esta antoloxía proponse introducir o lector á literatura galega tal e como se leva expresando durante case oitocentos anos.
Cincuenta e cinco textos de corenta autores, máis seis que son anónimos, foron especialmente escolmados por escritores e expertos de recoñecido prestixio e logo traducidos ao inglés polos principais tradutores que arestora traballan neste eido.
Aparecen representados todos os períodos (desde a época medieval ata o Rexurdimento e o século vinte, tanto antes como despois da guerra civil) e todos os xéneros literarios (desde a poesía á narrativa, o ensaio, o teatro, e a tradición oral que mantivo o fío da continuidade entre os séculos dezaseis e dezaoito).

Jonathan Dunne estudou Filoloxía Clásica na Universidade de Oxford e conta con diplomas avanzados de galego e castelán das universidades de Santiago de Compostela e Barcelona. Publicou un total de once traducións de libros escritos en búlgaro, catalán, galego e castelán. As súas traducións de Manuel Rivas publícaas Random House no Reino Unido e Overlook Press nos Estados Unidos, e foron nominadas para o Premio Internacional IMPAC, o Premio de Tradución Oxford Weidenfeld e o Premio Popescu para a Tradución de Poesía Euopea. Entre outros autores que traduce atópanse Carme Riera, Alicia Giménez-Bartlett e Enrique Vila-Matas. Escribiu dous libros, Even Though That e The DNA of the English Language. Dirixe a editorial Small Stations Press.