Presentación do segundo tomo da 'Antoloxía da literatura galega' de Jonathan Dunne

Categoría: Nova

Este xoves presentarase, en rolda de prensa diante dos medios de comunicación, o segundo tomo da 'Antoloxía da literatura galega' de Jonathan Dunne.
A presentación será no salón de actos e contará coas seguintes intervencións:
– Secretario xeral de Cultural, Anxo M. Lorenzo Suárez
– Director xeral da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes
– Director xeral de Edicións Xerais, Manuel Bragado Rodríguez
– Jonathan Dunne, autor e tradutor
Manterá o acto a directora da Biblioteca Pública Ánxel Casal, D.ª Carina Fernández.
Nesta 'Antoloxía da literatura galega 1981-2011' aspiramos a presentar a literatura galega contemporánea ao público lector en lingua inglesa e, por extensión, en todos os ámbitos: axentes profesionais e académicos, tradutores, críticos literarios e editores. Constitúe unha continuación da histórica 'Antoloxía da literatura galega 1196-1981', publicada en 2010.
Daquela, a antoloxía era un percorrido pola historia da literatura galega desde a Idade Media ao século XX, agora, este volume novo, achéganos á máis estrita contemporaneidade. Sesenta textos de sesenta autores ofrécense en edición bilingüe galego-inglés, incluíndo todos os xéneros: narrativa de ficción (tanto para adultos como infantil e xuvenil, un xénero este último no que escritores e ilustradores galegos acadaron un éxito considerábel), poesía, teatro e ensaio.
Editorial Galaxia e Edicións Xerais de Galicia continúan con este segundo volume a presentación desta literatura no mundo, en edición bilingue galego-inglés, para o seu coñecemento e difusión nos ámbitos internacionais: académicos, mediáticos e editoriais.
Jonathan Dunne, editor, ensaísta e tradutor, formado na escola Filoloxía Clásica da Universidade de Oxford, vencellado dende hai anos á literatura e cultura galegas, dirixiu este segundo volume no que presentamos as promocións de autores que van dende o ano 1981 (data de entrada en vigor do Estatuto de Autonomía de Galicia) ata os nosos días: Manuel Rivas, Alfredo Conde, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Chus Pato, Domingo Villar, María do
Cebreiro, Suso de Toro, etc.
A escolma vai precedida dunha introdución, elaborada polo propio Jonathan Dunne, na que se informa moi sinteticamente da historia da literatura galega contemporánea e se amosan os criterios de edición. A data que separa o primeiro volume da antoloxía e mais o segundo é 1981, o ano en que se aprobou o Estatuto de Autonomía de Galicia. Despois da morte de Franco en1975, este estatuto declarou a Galicia comunidade autónoma co seu propio goberno e idioma.
Todos os cidadáns adquiriron o dereito de coñecer e usar o galego e o castelán, que se converteron en linguas cooficiais na mesma Galicia, e non se podía discriminar a ningunha persoa por causa da lingua. No entanto, a Lei de Normalización Lingüística de 1983 aspiraba a promover o galego en todos os espazos públicos, incluída a administración, os medios de comunicación e a educación, onde o galego se converteu en materia obrigatoria a nivel preuniversitario.
Ambas as dúas leis supuxeron unha mellora das condicións sufridas baixo o réxime de Franco, que tentara restrinxir o uso en España de calquera lingua que non fose o castelán.
Galicia está no mundo, tamén a través do seu idioma, irmán do portugués e do brasileiro, os tres nacidos neste berce común; irmán do castelán e das linguas romances todas, espallado nas colectividades emigrantes de varios continentes.

Comparte nas túas redes sociais ou por email