Na cornixa noroeste da península ibérica, dentro do Estado Español, lindeira con Portugal, Galicia é unha vella cultura de Occidente. Cultura e literatura, con dúas linguas oficiais (galego e castelán), mais cunha "lingua propia" (a lingua galega), recoñecida como tal no Estatuto de Autonomía de Galicia (1981).
En lingua galega exprésase, dende hai case oitocentos anos, unha parte sobranceira da literatura deste país, nacionalidade histórica no marco da Constitución Española (1978). Dende hai case mil anos, polo Camiño de Santiago entraron e saíron músicos, poetas, arquitectos, escultores, príncipes e plebeos, comerciantes e esmoleiros, monarcas, ordes mendicantes, papas de Roma, filósofos, peregrinos todos que viaxaban (e seguen viaxando) a Compostela, fisterra de Europa, para visitar a tumba do Apóstolo e coñecer Galicia.
Por estes camiños entraron e saíron voces e linguas varias, e a través destes roteiros, nos que se foi tecendo tamén a idea de Europa, saíu ao mundo a primeira literatura en lingua galega: os Cancioneiros de Amigo, de Amor, de Escarnio e de Maldicer (séculos XII e XIII), as Cantigas de Santa María (Afonso X), os Milagres de Santiago…
Editorial Galaxia e Edicións Xerais de Galicia inician no presente volume a presentación desta literatura no mundo, en edición bilingüe galego-inglés, para o seu coñecemento e difusión nos ámbitos internacionais: académicos, mediáticos e editoriais. A presente carta pretende chamar a atención de editores, críticos, tradutores e axentes literarios sobre a significación dunha literatura con máis de setecentos anos de historia e que aspira a circular con renovado pulo polos foros da edición internacional.
Jonathan Dunne, editor, ensaísta e tradutor, formado na escola da Filoloxía Clásica da Universidade de Oxford, vencellado dende hai anos á literatura e cultura galega, dirixiu un proxecto que reúne 55 textos de 40 autores das letras en lingua galega, dende a cantiga medieval de Mendinho, universalmente coñecida, ata os textos das xeracións inmediatamente anteriores á reinstauración da democracia en España: Xosé Neira Vilas, Celso Emilio Ferreiro, Carlos Casares, Uxío Novoneyra, Xosé Luís Méndez Ferrín, etc. Nun segundo volume (en preparación) presentaremos, cos mesmos criterios de edición, as promocións de autores que van dende o ano 1981 (data de entrada en vigor do Estatuto de Autonomía de Galicia) ata os nosos días: Manuel Rivas, Alfredo Conde, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Chus Pato, Domingo Villar, Neira Cruz, Suso de Toro, etc.
A escolma vai precedida dunha introdución, elaborada polo propio Jonathan Dunne, na que se informa moi sinteticamente da historia desta literatura e se amosan os criterios de edición, que contemplan, ademais do importante equipo de tradutores, 55 profesores, críticos e académicos de proxección internacional que realizaron a selección dos textos, organizados por épocas e representativos dos diferentes xéneros literarios.
A mediados dos anos 50 do século XX, Álvaro Cunqueiro trouxo a Merlín a Galicia e instalouno na serra de Meira, no interior da provincia de Lugo. Con anterioridade, Ramón Cabanillas chantara na illa de Sálvora, na boca da ría de Arousa, a espada Escalibur. No Códice calixtino (século XII) o emperador Carlomagno e os pares de Francia veñen a Compostela a liberar o sepulcro do Apóstolo Santiago. Ramón Otero Pedrayo ficciona en 1924 a filosofía alemá da Ilustración. Dende os cons da torre de Hércules, o caudillo celta Breogán albiscaba nas mañanciñas de maio o afastado horizonte da verde Irlanda…
Galicia está no mundo, tamén a través da súa lingua, irmá do portugués e do brasileiro, as tres nacidas neste berce común; irmá do castelán e das linguas romances todas, espallada nas colectividades emigrantes de varios continentes. A súa cultura vive no seu idioma e exprésase tamén a través da literatura.
A intención desta carta e do envío que facemos é dar a coñecer este territorio europeo nos grandes espazos da industria da cultura e da comunicación, coa ilusión de axudar a construír un universo plural e solidario, máis aberto e participativo, que nos escoite a todos. Queremos agradecer moi especialmente a participación da Xunta de Galicia (Consellería de Cultura) a prol do espallamento do presente volume, que pretende chegar aos puntos máis arredados da sociedade literaria. Non se ama o que non se coñece. Facemos este esforzo para que se nos coñeza.
Co noso agradecemento pola súa atención:
Manuel Bragado
Director Xeral de Edicións Xerais de Galicia
Víctor F. Freixanes
Director Xeral de Editorial Galaxia