A LITERATURA GALEGA NO MUNDO

Categoría: Nova

O pasado sábado, ás 12.00 h, na Sala de Xuntas da Consellería de Cultura e Deporte, tivo lugar a presentación aos medios de comunicación deste proxecto destinado a dar a coñecer o noso patrimonio literario en todos os ámbitos que permitan a súa proxección alén das nosas fronteiras. No acto participaron Roberto Varela (Conselleiro de Cultura e Turismo), Víctor F. Freixanes (Director Xeral de Galaxia) e Manuel Bragado (Director Xeral de Xerais).

En edición bilingüe (inglés-galego), a Anthology of Galician Literature, 1196-1981 nace para espallar a creación literaria en lingua galega polos grandes ámbitos académicos e profesonais onde as letras circulan: universidades, centros de estudos do hispanismo e a lusofonía, lectorados de lingua galega, asociacións de tradutores, axentes e críticos literarios, medios de comunicación especializados, editoras comerciais, bibliotecas, feiras internacionais, etc.

Durante anos, Jonathan Dunne, un dos nosos máis prestixiosos tradutores internacionais, dirixiu un proxecto que agora se materializa: 40 autores, 55 textos diversos (seis deles de carácter anónimo), traducidos por 22 especialistas e escolmados por medio cento de críticos literarios e profesores de dentro e fóra de Galicia.

Trátase dunha primeira entrega, que vai dende as orixes da nosa literatura na Idade Media ata o ano 1981 (Estatuto de Autonomía de Galicia). No futuro, dentro do mesmo proxecto, presentaremos un segundo volume no que se incluirá unha escolma semellante dende o ano 1981 ata os nosos días.

Comparte nas túas redes sociais ou por email