Onte, na Casa Grande de Cimadevila, nas terras de Otero Pedrayo, o historiador Xosé Ramón Barreiro recibiu o Premio Trasalba 2010 cunha defensa da galeguidade e suliñando que só dende a profunda consciencia de aceptar e defender quen somos poderemos seguir sendo algué no futuro.
Nun discurso emocionado, o historiador agradeceu o premio entregado pola Fundación Otero Pedrayo, así como as palabras de Xosé Luis Méndez Ferrín, presidente da RAG e encargado de facer a 'laudatio' do homenaxeado. Ferrín no seu texto insistiu na cualidade de 'suscitador de pensamento' de Barreiro, na gran tradición de Murguía e outros grandes galeguistas da nosa historia.
Durante a xornada presentouse o volume coa poesía completa de Otero Pedrayo preparada polo académico Xesús Alonso Montero.