A historia dunha rapaza que vive a angustia porque foi chamada a declarar diante do xuíz
O conto comeza cando Gabriela, unha rapaza estudiante de bacharelato, recibe un aviso certificado no que se lle ordena comparecer no xulgado para facer unha declaración. Gabriela descoñece os motivos da citación xudicial, pero un vago sentimento de culpa impide que lle conte nada á súa nai. A vida transcorrerá con aparente normalidade -o colexio, a familia, os amigos, os estudios- durante a semana que precede á cita coa Xustiza. Pero Gabriela, como un personaxe de Kafka, vivirá pechada nun universo de angustias e temores difusos ata que chegue o día e a hora de comparecer diante do xuíz.
Naceu no ano 1956 en San Ciprián de Hermisende, unha das pequenas aldeas da provincia de Zamora nas que se fala galego. Xornalista de profesión, traballou en diarios como El correo de Zamora, El Norte de Castilla, Diario de Galicia e Diario 16 de Galicia. Desde 1985 reside en Santiago de Compostela, lugar do que xa se considera un cidadán máis. Na actualidade exerce de forma libre a súa profesión, colaborando con diversos medios informativos. Como escritor, iniciou a súa traxectoria con dúas novelas curtas en castelán, Retrato de viejo con chupete (1988) e El clan de los sonámbulos (1991). En galego publicou O anano enredador, Outros heroes, A citación, Linguas longas e Voces de vacas.