Naceu no ano 1956 en San Ciprián de Hermisende, unha das pequenas aldeas da provincia de Zamora nas que se fala galego. Xornalista de profesión, traballou en diarios como El correo de Zamora, El Norte de Castilla, Diario de Galicia e Diario 16 de Galicia. Desde 1985 reside en Santiago de Compostela, lugar do que xa se considera un cidadán máis. Na actualidade exerce de forma libre a súa profesión, colaborando con diversos medios informativos. Como escritor, iniciou a súa traxectoria con dúas novelas curtas en castelán, Retrato de viejo con chupete (1988) e El clan de los sonámbulos (1991). En galego publicou O anano enredador, Outros heroes, A citación, Linguas longas e Voces de vacas.