A Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil acollía o sábado a presentación do libro "O soldadiño de chumbo", unha adaptación da curtametraxe de Virginia Curiá e Tomás Conde sobre o famoso conto de Andersen. Trátase da versión galega da coñecida historia, onde o xoguete coxo acaba por ocupar as vitrinas do museo de Allariz e queda pasmado ante a beleza dunha bailarina con brilante e aparentemente mutilada.
Os pequenos puideron visionar a peza audiovisual na sala do CGAI e achegarse a creacións da cultural popular galega como é o caso do cigarrón para pasar máis tarde ao centro bibliotecario e seguir desfrutando das aventuras do personaxe de chumbo pero xa en formato papel.
Xavier Senín foi o encargado de levar o conto ás paxinas editadas por Galaxia, nun proxecto no que tamén participan as empresas galegas Continental Games e Moonbite, que lanzan ao mercado unha aplicación para o iPad. É así como o que un día construiron Curiá e Conde pasa agora a outros formatos que se adaptan ás circunstancias dos cativos da casa. Francisco Castro, coordinador de Novos Proxectos da Editorial achegou tres iPads para que os nenos e nenas presentes no acto puideran probar a aplicación coas súas propias mans.
No caso do libro, as escenas do conto están recreadas sen perder a forza dos deseños creados para a pantalla. Deste xeito, o soldadiño aparece en plastilina seguindo a técnica de stop motion empregada pola parella de autores.
O libro, que inaugura a colección Contos de Cine de Galaxia, está editado a modo de álbum ilustrado de gran tamaño e inclúe un CD coa curtametraxe de animación, que presenta a posibilidade de velo en castelán, galego e inglés. O pack véndese nas librarías por 24 euros.
Hai que lembrar que a peza audiovisual acadou moi boas críticas pola orixinalidade do guión con toques como a entrada en escena do cigarrón, un personaxe típico do entroido de Verín en vez do malvado arlequín e o marco da historia que é o Museo Galego do Xoguete en Allariz. A peza collía forma despois de doce meses de traballo e 18.000 tomas fotográficas. Continental Producciones e Algarabía Animación contaron coa voz dos actores Manuel Manquiña e Luis Piedrahita, e a participación de Emilio Aragón, na banda sonora.