"Os balnearios de Galicia foron un dos grandes espazos de socialización da nosa clase dirixente nos derradeiros anos do século XIX e o primeiro tercio do século XX. En certa medida constituen unha metáfora da historia de Galicia, cos seus momentos de abalo e de debalo, coas súas potencialidades e os seus abandonos". Ramón Villares, autor do limiar de O lecer das augas, presentou en Santiago de Compostela o libro dos historiadores Luis Alonso Álvarez, Elvira Lindoso Tato e Margarita Vilar Rodríguez, publicado por Galaxia coa colaboración da Cámara Oficial Mineira de Galicia e a Asociación de Balnearios de Galicia.
No salón artesonado no Colexio Fonseca, o mesmo lugar onde hai poucos días se inaugurou a exposición itinerante sobre os balnearios galegos, promovida polas deanditas institucións, un público cualificado de especialistas encheu as cadeiras do auditorio.
Luis Alonso Álvarez, catedrático de Historia Económica da Universidade da Coruña, explicou as motivacións dun libro que nace para difundir e dar a coñecer a significación que a industria das augas termais tivo e segue a ter en Galicia. "Aínda que empezou tarde respecto doutros lugares europeos, como Vichy ou Baden-Baden", explicou o profesor Villares, "o termalismo acadou unha enorme importancia, tanto económica como social e política, a finais do XIX e nos primeiros anos do século XX. Non só lugares como Mondariz ou A Toxa, senón outros como Baños de Molgas, Caldelas de Tui, o Carballiño, Caldas de Reis, non por menores foron menos significativos".
"Vilas como Carballo ou A Toxa naceron grazas á existencia das explotacións das augas", explicou o profesor Alonso Álvarez. "As comunicacións, as concentracións urbanas, a organización do territorio, as relacións económicas xiraron en torno a estes establecementos, dos que Galicia é especialmente rica respecto doutros territorios de España".
O libro ábrese cun estudo de carácter xeral sobre o termalismo en España e Galicia e entra, despois, en detalle arredor dalgunhas das instalacións máis significactivas da historia do termalismo: Arteixo, Cuntis, A Toxa, Caldas de Reis, o Carballiño, Ourense, Guitiriz, Cortegada, Mondariz, Verín, o Incio… "Fixemos un grande esforzo para poñer en valor e difundir unha riqueza que rexorde e constitúe na actualidade a segunda fonte da nosa industria turística despois do Camiño de Santiago", explicou Benigno Amor, xerente da Asociación de Balnearios, promotora da exposición itinerante e do libro.