Presentado o programa de Obradoiros "Nós tamén escritoras"

Categoría: Nova

Nun salón ateigado de público e de representantes dos medios de comunicación, e no que participaron Carme Adán, secretaria xeral de Igualdade, Víctor F. Fernández, director xeral de Galaxia, Marta Arribas, concelleira de Igualdade do concello de Ourense, e o coordinador de Novos Proxectos de Galaxia e docente responsable dos obradoiros, Francisco Castro, presentouse o programa de obradoiros literarios "Nós tamén escritoras" dirixido a mulleres do rural galego.
O programa "Nós tamén escritoras" é unha ambiciosa actividade que percorrerá o país desde mañá ata finais do 2009 ofrecéndolle ás mulleres do rural galego a posibilidade de participar nun exercicio de escrita literaria que pretende fomentar a súa creatividade e o descubrimento da literatura como unha forma de pracer e de expresión persoal. Cada obradoiro ten unha duración de dúas sesións de dúas horas e admite 15 participantes en cada un. Durante a celebración das xornadas, todas as participantes, así como os centros de mulleres onde se desenvolve o programa, recibirán lotes de libros do fondo editorial de Galaxia, contribuíndo, así, a fornecer as súas bibliotecas de literatura en galego.
Ao remate de todo o programa, en decembro deste ano, farase unha publicación dunha escolma de relatos e poemas feitos polas participantes, de tal maneira que o traballado nas distintas sesións non se perda coa fin dos obradoiros, senón que se converta en libro, é dicir, que sexa literatura.

Comparte nas túas redes sociais ou por email